RETEGAL é a sociedade mercantil 100% pública da Xunta de Galicia que ten por obxecto tanto a planificación, instalación, xestión, mantemento e explotación de infraestruturas, sistemas e servizos de telecomunicacións no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, como a elaboración de propostas, análises e estudos relacionados coas telecomunicacións.
Deste xeito, RETEGAL dedícase fundamentalmente aos seguintes aspectos:
DIFUSIÓN
RETEGAL facilita unha cobertura poboacional do 98% para o múltiple autonómico MAUT, con 140 centros operativos, cumprindo cos obxectivos de cobertura poboacional establecidos polo Real Decreto 805/2014, de 19 de setembro polo que se aproba o Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre e se regulan determinados aspectos para a liberación do Dividendo Dixital. Non se pode obviar que, nunha Comunidade Autónoma como é a de Galicia, cunha alta dispersión poboacional e difícil orografía, a referida porcentaxe de cobertura supón un logro difícil de acadar, operándoa e manténdoa con índices de continuidade moi superiores aos comprometidos.
Por outra banda RETEGAL tamén presta, en colaboración con operadores de ámbito nacional, servizos do múltiplex estatal para a mellora da cobertura da rede RGE (Televisión Española) na Comunidade Autónoma de Galicia obténdose, deste modo, uns índices de cobertura poboacional superiores aos tradicionalmente acadados nos despregamentos planificados e costeados polos operadores de televisión estatal.
RETEGAL tamén presta con excelentes índices de continuidade, os servizos de codificación, multiplexación, contribución e difusión de diversos múltiples de TDT local.
RADIODIFUSIÓN
RETEGAL facilita os servizos de transporte e difusión á Radio Galega (RG), con 38 centros de emisión operativos que facilitan unha cobertura poboacional superior ao 96%, que RETEGAL opera e mantén con índices de calidade e continuidade moi superiores aos comprometidos.
Tamén destaca a prestación de servizos de coubicación e contribución IP a concesionarios de licencias de FM.
RESGAL-TETRA
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), por resolución de datas 19 de xaneiro e 27 de outubro de 2015 encomendou a RETEGAL a xestión e mantemento da Rede Dixital de Emerxencias e Seguridade de Galicia (RESGAL)
Así as cousas, RETEGAL ven realizando a complexa tarefa da explotación e xestión integrais do servizo de comunicacións móbiles de emerxencia da Xunta de Galicia, que ademais da operación e mantemento da infraestrutura de rede, contempla a xestión operativa de usuarios, tanto das entidades adscritas á Xunta de Galicia como doutras entidades con responsabilidades en materia de emerxencias e seguridade integradas na RESGAL.
Esta xestión supón un importante reto para RETEGAL, tanto pola importancia e transcendencia do servizo prestado, como pola diversidade de perfís dos usuarios e polo cambio do modo de operación que para eles supón o feito de dispoñer dunha rede de última tecnoloxía e de avanzadas prestacións.
RETEGAL, ademais da anteriormente citada xestión operativa da RESGAL, pon a disposición da rede as infraestruturas necesarias (caseta, torre e enerxía en corrente continua) facilitando, a través dos seus recursos o transporte e a interconexión entre os diferentes elementos do sistema.
Así mesmo, RETEGAL realiza e actualiza os modelos de explotación e xestión do servizo acordes coas necesidades e particularidades dos diferentes usuarios finais, parametrizando e integrando os diferentes perfís de usuarios para cada unha das entidades adscritas á RESGAL, así como coa formación dos diferentes usuarios da Rede.
SERVIZOS DE CONECTIVIDADE E TRANSPORTE
RETEGAL presta servizos de conectividade en calidade de operador neutro a outros operadores privados, así como servizos de transporte á propia Administración Autonómica en réxime de autoprestación.
RETEGAL dispón de accións continuas destinadas a mellorar a capilaridade, capacidade, integridade e robustez das súas redes DWDM, MPLS e de RADIOENLACES para a prestación dun servizo, cada vez de maior calidade, aos seus clientes e potenciais clientes.
SISTEMAS
No capítulo de sistemas, sempre coa premisa da súa mellora para dotar a RETEGAL de ferramentas que melloren a explotación dos servizos, ademais de optimizar o mantemento e os sistemas existentes, estase a realizar unha mellora continua co seguimento e implantación dun Plan de Sistemas rematado no ano 2017.
INFRAESTRUTURAS
Unha das principais actividades de RETEGAL é o uso das súas infraestruturas, das que dispón máis de 270 en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, para a prestación de servizos en réxime de operador neutro ou institucionais de aloxamento en torre, transporte, etc. Debido a isto, o mantemento das infraestruturas propiedade da Xunta de Galicia e adscritas e/ou xestionadas por RETEGAL, convértese nunha das principais actividades da compañía.
CENTRO DE XESTION E ATENCIÓN DE REDE (CEXAR) E CENTRO DE CONTROL
Como indicadores do labor realizado por este centro, sirvan os seguintes datos referenciados a 2016:
- Xestión de 3.982 incidencias e 7.726 intervencións.
- Xestión de 1.414 accesos a centros (solicitude, confirmación e seguimento).
- Xestión de 10.700 chamadas.
ORGANIZACIÓN
No ano 2013 Retegal instaurou un novo modelo organizativo, conforme cos modelos e estándares habituais en operadores de telecomunicacións. Este modelo susténtase en dous piares fundamentais:
- Orientación a servizo.
- Xestión orientada a proceso.
A implantación deste modelo supón unha reestruturación do traballo dentro da empresa, que se caracteriza pola segregación entre as funcións de enxeñería e operacións, orientando as operacións a servizo. Así mesmo este modelo implica un cambio no modelo relacional cos clientes, tanto no referente á provisión inicial do servizos, como ás comunicacións unha vez consolidados estes.
O proceso de implantación do novo modelo organizativo implica a toda a estrutura da empresa e, polo seu alcance e complexidade, é un proceso vivo que se realiza baixo a premisa de “mellora constante”. Así, dende o ano 2014, RETEGAL vén desenvolvendo novos procesos e procedementos conforme ao modelo definido para a nova estrutura organizativa, implantando un modelo de mellora continua baseado nas normativas ISO.
CALIDADE, PROCESOS E PREVENCIÓN DE RISCOS
A implantación da nova estrutura esixiu a definición dun modelo de xestión orientado a procesos, para o cal definiuse un mapa de procesos de RETEGAL, mapa que, pola propia natureza da empresa, está en constante proceso de evolución e mellora.
Destacan a implantación e actualización de diversos procesos inherentes á explotación e xestión da Rede de comunicacións móbiles (TETRA), especialmente aqueles relacionados coa xestión operativa do servizo, incorporación de usuarios e xestión de terminais, así como os procedementos e procesos do CEXAR, definindo novos parámetros coa finalidade de adecuar o alcance da certificación conforme á norma UNE-EN ISO 9001:2015, aos novos servizos prestados pola compañía.
A Prevención de Riscos Laborais é un esforzo continuo orientado tanto a nivel interno (traballadores de RETEGAL) como externo (clientes e provedores), e deste xeito RETEGAL ven realizando unha adecuación continua dos seus procedementos, normativas, EPI’s, Coordinación de Actividades Empresariais, etc.
ACCIÓN COMERCIAL E DE COMUNICACIÓN
A empresa ten como obxectivo, non só potenciar a acción comercial e de comunicación de RETEGAL mediante a captación de novos clientes, senón tamén incrementar as prestacións de servizos sobre os xa existentes.
NORMALIZACIÓN TÉCNICA E OUTROS PROXECTOS
RETEGAL está en continuo proceso de mellora coa adecuación técnica dos seus centros, dos proxectos dos seus clientes e a normalización dos mesmos.
INNOVACIÓN
RETEGAL, como empresa tecnolóxica, está en continua evolución de programas, servizos, proxectos, etc.
Dentro destes proxectos, destacan a colaboración co SPDCIF para a detección temperá de incendios así como diversas colaboracións con Universidades e outras entidades públicas, acadando incluso proxectos de colaboración e innovación LIFETEC da Comisión Europea.
RETEGAL también colabora noutros proxectos de innovación dos que sempre se poida beneficiar a poboación da Comunidade Autónoma de Galicia.