A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (LOFAXGA), establece no seu artigo 103.3 que o réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control das sociedades mercantís autonómicas é o establecido pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.
RETEGAL é unha entidade con orzamento estimativo, polo que deberá presentar os seus orzamentos de explotación e capital e, no seu caso, os seus plans de actuación, investimentos e financiamento de forma individual e consolidada.
Os orzamentos de explotación e de capital integraranse nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, que á súa vez establecerá un control sobre a execución do noso orzamento.
Por outra banda, no convencemento de que unha contabilización correcta serve internamente para a toma de decisións de xestión e administración e externamente para fomentar a transparencia, seguimos estritamente as normas do Plan Xeral de Contabilidade (PGC). Este exercicio de reporte debe facerse desde a transparencia, claridade e obxectividade.
Consecuentemente, presentamos a Memoria de Contas do exercicio económico 2016, mostrando a imaxe fiel da nosa actividade económico-financeira, cuxas contas foron auditadas por unha entidade externa independente.
En RETEGAL presentamos anualmente as contas da nosa xestión económico- finaniera, previamente auditadas por unha entidade externa independente.
O Departamento Económico é o encargado da xestión dos riscos relacionados coa información financeira que inclúen o control orzamentario e contable.
Os directores e responsables das distintas áreas de RETEGAL seleccionan as convocatorias públicas ás que concorrer. Para iso, como referencia para as bases reguladoras e convocatoria, tense en conta:
- As prioridades estratéxicas de RETEGAL e, en concreto, as necesidades de mellora de produtos ou servizos.
- As condicións de participación, principalmente se se trata dun proxecto individual ou en consorcio. Neste último caso prestarase especial atención a posibles conflitos de intereses con outros socios involucrados no proxecto.
Para a tramitación de subvencións o responsable de área poñerá o proxecto en coñecemento da Dirección, quen determinará a conveniencia ou non de solictar a axuda. Toda solicitude de axuda aprobada, estará documentalmente formalizada pola Dirección Xerencia.
Desde o ano 2012 non recibimos subvencións de explotación da Xunta de Galicia. Igualmente, desde o ano 2014, non recibimos subvencións de capital da Xunta de Galicia.
En RETEGAL non recibimos ningunha axuda, doazón ou subvención pública durante 2016. Igualmente nin recibimos nin contribuímos, directa ou indirectamente, ao financiamento de ningún partido político local, autonómico nin estatal, tal e como constatan as nosas contas anuais auditadas por entidade externa independente.
En materia de seguridade da información, indicar que cumprimos co establecido na lei 15/1999, do 13 de decembro de Protección de Datos de Carácter Persoal. Prevese, no marco de implantación dun Plan de Prevención de Delitos na sociedade, o despregamento dunha política de seguridade da información e unha política de privacidade da información, aliñadas co novo Regulamento Europeo de Protección de Datos (que entrou en vigor o día 25 de maio de 2016, tendo ata maio de 2018 para adaptarnos, data na que será obrigatorio en todos os seus elementos e directamente aplicable en cada Estado membro).
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno ten por obxecto regular a transparencia e a publicidade na actividade pública, garantir o dereito da cidadanía para acceder á información pública así como regular os mecanismos de bo goberno e o control da actividade dos altos cargos do sector público autonómico galego. Complementariamente dispoñemos na nosa páxina web corporativa, de toda a información relacionada con esta materia.
Indicar que nos últimos anos non detectamos casos de incumprimento de normativa ou de códigos voluntarios de boas prácticas en materia de competencia e mercadotecnia, tales como publicidade, promoción, patrocinio, etc.
En RETEGAL temos asinado un convenio de colaboración coa Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia no marco da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación de asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.
A nova gobernanza global demándanos incorporar criterios de responsabilidade social como instrumento de cohesión, compromiso e sustentabilidade. Por iso, incorporamos de forma transversal a todas as nosas operacións, criterios de economía responsable, dereitos humanos, prácticas laborais adecuadas, xestión ética e respecto ambiental.
Descrición do marco xurídico que apoia os criterios de compra pública responsable:
A nivel europeo: Directiva 2014/24/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de febreiro de 2014, sobre contratación pública admite expresamente a inserción de criterios sociais e ambientais na contratación pública, sempre que se respecten as liberdades básicas do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea e os principios derivados das mesmas.
A nivel estatal: o Real Decreto Lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público recolle tamén mencións expresas en materia social e ambiental, entre outras ao comercio xusto.
Nun exercicio adicional de transparencia, establecemos nos nosos procedementos de contratación a obligatoridad de solicitar un mínimo de 3 ofertas para todas as contratacións menores de importe superior ou igual a 6.600 euros, salvo casos excepcionais e sempre con xustificación motivada por escrito. Trátase dunha maior esixencia que a recollida na normativa de contratación estatal e europea, que permiten a adxudicación directa dos contratos menores a calquera empresario con capacidade de obrar e que conte coa habilitación profesional necesaria para realizar a prestación, cumprindo coas normas establecidas no TRLCSP; isto é, a normativa de contratación establece limiares superiores para a adxudicación directa dos contratos menores (importe inferior a 50.000 euros, cando se trate de contratos de obras, ou a 18.000 euros, cando se trate doutros contratos).
Unha vez máis, Retegal é máis restritiva que a normativa de contratación para a utilización do procedemento negociado. Nos contratos de servizos, debido á nosa condición pública, non podemos interferir nas relacións laborais dos nosos provedores co seu persoal, pero si debemos establecer cláusulas sociais, directamente vinculadas ao obxecto do contrato, que máis aló de satisfacer as necesidades do órgano de contratación, poderán ser utilizadas para orientar e afianzar comportamentos beneficiosos para o interese xeral.
Temos en conta cláusulas sociais do tipo que se expoñen a continuación:
a) Documentación acreditativa do cumprimento das obrigacións laborais e sociais.
Declaración responsable relativa ao cumprimento das obrigacións establecidas na normativa vixente en materia laboral e social. Os licitadores deberán achegar unha declaración responsable na cal farán constar que cumpren os requisitos establecidos na normativa vixente en materia laboral e social.
b) Documentación acreditativa da solvencia técnica de carácter social
O órgano de contratación deberá considerar que medios permiten valorar de maneira máis adecuada a solvencia técnica ou profesional dos licitadores naqueles contratos cuxo obxecto requira que o adxudicatario teña aptitudes específicas ou experiencia acreditada en materia social e coñecementos técnicos concretos
Prevese que ao longo do ano 2017, en cada licitación esíxase aos licitadores a manifestación expresa de que acatan o Código Ético da Xunta de Galicia, o Código Ético de Retegal e o Plan de Prevención de Delitos de Retegal.