Que é Resgal

Resgal é a nosa primeira rede pública dixital de comunicacións móbiles específica para emerxencias.

En Galicia implantamos unha rede pensada de forma específica para coordinar aos distintos efectivos implicados en situacións de emerxencias que poidan xurdir no noso territorio.

Resgal é unha rede integramente galega que garante unha interconexión segura mesmo en situacións extremas ou de alta saturación grazas á tecnoloxía que utiliza, a máis avanzada e recomendada neste terreo, empregada xa noutras redes en máis de cen países.

A maior parte de organismos da Administración Autonómica implicados na resolución de emerxencias contan xa con Resgal. Máis de 115 concellos, o Sergas-061, a Policía Autonómica, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a Axencia Galega de Emerxencias, o Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais, diferentes Consorcios de Bombeiros, policías locais, protección civil locais...


Vantaxes de Resgal

  • Servizos de voz e datos de alta calidade, con chamadas individuais en dúplex ou semi-dúplex, chamadas de grupo, de emerxencia e mensaxes de datos e estado.
  • Comunicacións encriptadas.
  • Priorización de chamadas. Acceso instantáneo á rede con mecanismos para evitar colapsos.
  • Interconexión cos sistemas de telefonía fixa e móbil e a posibilidade de enviar datos.
  • Posibilidade de xeolocalización do persoal que participa nos dispositivos de emerxencia.
  • Posibilidade de gravación das chamadas.
  • Xestión de grupos e perfís de comunicación "Intraflota" adaptados á operativa de organización.
  • A diferenza dos sistemas convencionais, Resgal permite realizar chamadas en grupo, xa sexa dentro dunha mesma organización como entre dispositivos de distintas organizacións que nun momento dado estean a traballar conxuntamente nunha mesma operación.
  • Programación en terminais de mandos de grupos de coordinación "interflota" aliñados co plan PLATERGA.
  • Comunicacións e modo rede (TMO) e directo (DMO).