Inicio >  TDT >  Televisión Dixital Terrestre

Televisión Dixital Terrestre

Televisión Dixital Terrestre

Retegal e a TDT

Retegal, empresa pública e medio propio instrumental da Xunta de Galicia, colabora estreitamente coa Administración Autonómica, a través da Secretaría Xeral de Medios, no despregamento e extensión da TDT e dos novos servizos asociados a esta tecnoloxía, estando en condicións de garantir o acceso universal á TDT para a comunidade de Galicia no caso do múltiplex autonómico, e moi preto de acadar o 100% de cobertura para o múltiple estatal (RGE) e para os múltiples privados (SFN).

Así mesmo, Retegal proporciona, entre outros, servizos de telecomunicación a diversas radios e televisións galegas de ámbito local.

Retegal é o operador de rede do múltiple autonómico de TDT de Galicia, ao que lle facilita os servizos de radio e televisión. Este múltiple está integrado por:

  • A Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG): 2 canles
  • Popular Televisión: 1 canle
  • Voz Televisión: 1 canle

Retegal encárgase da planificación, xestión, operación e mantemento dunha rede integrada por preto de 150 centros de emisión de sinais, os cales permiten cumprir cos obxectivos de cobertura previstos para as entidades concesionarias.

Para consultar os centros de telecomunicación de Retegal, prema aquí.

Retegal e a empresa Abertis Telecom colaboran no despregamento de rede de cobertura do múltiple estatal (RGE), que integra os programas e servizos dixitais da Corporación Radio Televisión Española (RTVE).

No ano 2006, ambas as dúas empresas asinaron un acordo polo que se establecía unha planificación conxunta do despregamento de rede en Galicia. En base ao mesmo, lográronse, fundamentalmente, dous obxectivos:

  • Acadouse unha cobertura poboacional de TDT de TVE na Comunidade Autónoma, equiparable á ofrecida no resto de comunidades autónomas, independentemente da dispersión poboacional e das dificultades orográficas propias do noso territorio.
  • Conseguiuse unha importante optimización dos investimentos para a Xunta de Galicia, xa que se minorou o número de centros necesarios para a extensión de cobertura, ata achegarse ao 100% da poboación.

Centros de TDT con operación e mantemento de Retegal

Respecto dos centros de Retegal que integran a rede do múltiple autonómico (TVG, Popular TV e Voz Televisión), ou da rede de extensión despregada por encomenda da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, Retegal pon a disposición dos usuarios o seu Centro de Xestión e Atención de Rede (CEXAR). Os usuarios poderán comunicar as incidencias que xurdan na recepción dos sinais de TV citados por teléfono (901 100 424), ou ben a través de correo electrónico (cexar@retegal.es).

En canto aos centros de extensión despregados directamente polos concellos, a comunicación de incidencias farase directamente a través dos propios concellos, ou poñéndoo en coñecemento da Oficina da TDT de Galicia (981.572.154 oficinatdt@xunta.es).

Ademais, a Oficina de TDT da Xunta de Galicia, pon a disposición dos usuarios información xeral da TDT en Galicia, así como a posibilidade de consultar a cobertura dunha localidade en particular, ou informarse do procedimento para solicitar a recepción da tdt por satélite, TDT-SAT (www.tdtgalicia.com).

Extensión da TDT

A Secretaría Xeral de Medios, responsable da execución das tarefas de extensión de cobertura da TDT na Comunidade Autónoma de Galicia, encomendou á empresa pública Retegal., en agosto de 2009, a elaboración e execución dun programa de investimentos para apoiar o despregamento da televisión dixital en Galicia. Entre as tarefas encomendadas a Retegal, atopábase a subministración,  instalación e posta en servizo do equipamento de difusión para a extensión de cobertura de TDT nos Proxectos Técnicos definidos no ámbito da Comunidade Autónoma, considerados nas Fases I (Santiago- Ourense leste), II (Ares- Meda) e III (Páramo- Domaio) do Plan Nacional de Transición á TDT. 

A cobertura prevista polas cadeas nacionais para Galicia non chegaba ao 90% da poboación. Este plan de extensión permitiu acadar porcentaxes de cobertura terrestre próximos ao 100% da poboación, coa instalación de equipos de TDT e mellora de infraestruturas en preto de 350 emprazamentos adicionais aos despregados polos radiodifusores  O referido despregamento de extensión finalizou con éxito o pasado 3 de abril de 2010, cumprindo o calendario acordado coa Administración Central.

Para as zonas de sombra de cobertura terrestre que quedaron tras o despregue da rede de Extensión, en torno ao 1% da poboación, a Secretaría Xeral de Medios implementou unha solución de TDT por satélite, coñecida popularmente como “TDT-SAT”, que permite a universalización da cobertura, e que todos os cidadáns de Galicia podan recibir os canais da TDT no seu fogar.

Incidencias relacionadas co servizo de RETEGAL:
Por favor, póñanse en contacto connosco co tlf. 901 100 424 ou no mail  cexar@retegal.es

Consultas sobre a TDT:
Por favor, póñase en contacto coa Oficina da TDT da Xunta de Galicia no tlf. 981.572.154 ou no mail oficinatdt@xunta.es

Powered by Drupal, an open source content management system
imagen
© Xunta de Galicia Aviso Legal | Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. Avda. Fernando de Casas Novoa, nº 35B, 3º C-D. 15707 - Santiago de Compostela
Pode subscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds
imagen